Unha carta ao director
 

 

A seguinte carta foi remitida na semana do 11 ao 15 de xuño aos directores de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e a RTVG, despois das informacións aparecidas nestes e outros medios sobre un suposto ataque a cans por parte de voitres (Gyps fulvus) en Vimianzo (CO).

 

 

Sr. Director:

 

O pasado día 24 de maio saíu no seu medio de comunicación unha nova sobre o ataque, non comprobado por expertos, de voitres a cans na parroquia de Castrelo, en Vimianzo (A Coruña), onde se chega a falar incluso de ataques a varios animais de noite. Desgrazadamente, esta nova ven sendo un expoñente claro do mal trato que desde o medio que vostede dirixe en concreto e os demais existentes en Galicia en xeral, se lle ven dando aos temas relacionados coa natureza, moitas veces indubidabelmente a causa do que parece un descoñecemento sobre os temas tratados.

 

Desde a Sociedade Galega de Ornitoloxía queremos manifestarlle a nosa máis enérxica PROTESTA e REPULSA pola publicación deste artigo e asimesmo tamén por darlle creto, para acadar a redacción do mesmo, ás opinións de persoas que manifestaron de xeito tan evidente unha profunda falta de coñecemento na materia como para ser recollidas en calquera medio considerado serio. A SGO, entidade composta por máis dun cento de membros, entre doutores e licenciados en bioloxía, ornitólogos, naturalistas e educadores ambientais de toda Galicia e outras comunidades do estado, adicados ao estudo e protección da nosa avifauna salvaxe, informalle tamén que con este tipo de novas como a dos voitres en Vimianzo, máis propias do seculo XIX que dos tempos actuais, fanlle vostedes unha fraco favor a conservación de especies protexidas pola lei, cuxas medidas legais foron conseguidas no noso país despois dun intenso traballo de estudo e información, levado a cabo por numerosos especialistas de recoñecido prestixio estatal e internacional, desde mediados do século XX.

 

A SGO ten entre os seus obxectivos dar a coñecer á nosa cidadanía a verdadeira vida e costumes das numerosas especies de aves que habitan ou se achegan a Galicia. Por este motivo, ofrecémoslle ao medio que vostede dirixe a nosa colaboración, cando así o precise, para que a información que garde unha relación coa avifauna galega chegue ao público dun xeito que contribúa ao coñecemento da súa situación real e tamén a concienciar ao cidadán sobre a necesidade que temos de conservar e protexer un ben que está nas mans de todos nós.

 

Atentamente,

 

Juan Carlos Epifanio Lemos (Secretario da Sociedade Galega de Ornitoloxía)