Taller internacional sobre ecoloxía de paíños e pardelas no sur de Europa

Workshop of south-european petrels and shearwaters

Cariño, 16, 17 e 18 de novembro de 2007

Programa clicando aquí. Inscrición clicando aquí.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e o Grupo Ibérico de Aves Mariñas (GIAM-SEO/BirdLife) organizan o Taller internacional sobre ecoloxía de paíños e pardelas do sur de Europa os días 16, 17 e 18 de novembro de 2007, en Cariño (CO).

Existen dous importantes motivos para a organización deste taller:

- Un, que o paíño pequeno (Hydrobates pelagicus) ten sido elexido Ave do Ano 2007 en España, pola asemblea de socios de SEO/BirdLife, celebrada en Elx (Alacant) do 12 ao 15 de outubro de 2006.

- E dous, a crecente interese de ornitólogos e observadores de aves ibéricos sobre a problemática da bioloxía e ecoloxía do furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) nas áreas de cría e nas zonas da súa distribución fóra da época de reprodución, que, se ben é unha ave endémica das illas Baleares no Mediterráneo, pasa grande parte do ano desprazándose polas costas atlánticas ibéricas até o canal da Mancha.

Tamén é importante destacas que o suroeste do Paleártico Occidental, onde se ubican a Península Ibérica e os arquipélagos que forman a Macaronesia é a área de cría máis importante para esta rexión ecolóxica, polo que tamén se tratarán temas correspondentes a estas procelariformes e aguardamos que asistan expertos destas illas.

É importante destacas que dentro das aves mariñas as procelariformes son un dos grupos máis esquecidos para os ornitólogos en xeral, pero dun tempo para aquí está xurdindo unha grande interese no seu estudo e observación coas iniciativas como o RAM (Rede de Avistamentos de Aves e Mamíferos mariños), as saídas en barco para observar aves mariñas e cetáceos, distribuidas por varias comunidades autónomas costeiras e das illas (Galicia, Asturias, Cantabria, País Basco, Canarias), os embarques tipo ferry (Pride of Bilbao) e os proxectos, máis profesionais, de observación desde barcos pequeiros e oceanográficos. A todo isto temos que sumarlles os coñecementos que se están recollendo os ornitólogos que están a traballar na nidificación destas aves nas súas colonias de cría (Baleares, Azores, Madeira, Canarias e illas e illotes ibéricos).

O principal motivo deste taller é reunir ás persoas interesadas nestas aves para que poidan dar a coñecer os proxectos que están a realizar sobre elas e dar un pulo á coordinación con outros ornitólogos para que os seus traballos posteriores teñan maior alcance e maior difusión.

Elexiuse a localidade de Cariño, ao norte da Coruña, encravada no cabo Ortegal e cercana á Estaca de Bares (importante observatorio da pasaxe das aves mariñas) como sede deste taller, contándose coa colaboración do Concello de Cariño, quen cede o seu auditorio municipal.

O taller incluirá varias sesións de charlas e coloquios sobre pardelas e paíños e unha saída ao mar en barco ou ben unha xornada de observación de aves mariñas desde a Estaca de Bares (dependendo de condicións meteorolóxicas).

Prazo de inscrición até o 25 de outubro. Inscrición: 10€.

Pardela encapuchada fotografada o dia 14/09/2004 a unhas 20 millas da costa da Coruña (CO), por Gonzalo R. Mucientes Sandoval.