A SGO é unha asociación dedicada ó estudio científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats en Galicia
Noticiario Ornitolóxico
 O ESTUDIO DO MES
A partires deste mes de outubro, tratarei de presentar mensualmente os resultados dun artigo de ornitoloxía, o cal, ó meu modo de ver, destacou entre os últimos números das revistas científicas ás que teño acceso. Non se trata polo tanto dunha revisión exhaustiva de todo o que se publica en ornitoloxía nin tampouco se trata de subir ós altares a ninguén. É unha visión totalmente subxectiva dos traballo ós que teño acceso e tan só de animar á lectura de revistas que poden parecer a priori un pouco "duras", pero que, previa selección, creo que poden ser moi entretidas e clarificadoras tanto para o que ten o estudo da ecoloxía animal coma profesión (o cal está obrigado a le-las), coma para o que vai por libre.

O comentario do mes versará sobre calquera estudo que se publicara recentemente (dentro dos últimos meses, como moito dentro dun ano). Non se corresponderá, obviamente, co publicado no mes en cuestión, dado que ningunha revista ten esa periodicidade e que ademais chegan ás bibliotecas con moito atraso. Se algún dos meses non aparece "O Estudo do mes" deberase a que estou moi ocupado con outras cousas ou á vagancia e non, dende logo, a que non aparecera nada destacable.

O comentario estará organizado da seguinte forma:

  1. Título do artigo, autor, enderezo do centro de investigación, referencia da revista, número e páxinas.
  2. Unha maneira sinxela de conseguir unha copia do traballo (lugares de Galicia onde se dispón da revista, outros enderezos, etc.).
  3. Comentario.
  4. Preguntas caseiras: un par de preguntas sobre a aplicación ou o interese do estudo para a ecoloxía das aves de Galicia.


Nada máis. A partir de agora, espero recibir algunha opinión que me permita mellorar este invento.


Pepe Guitián

Seleccionar "Estudio do Mes"