A SGO é unha asociación dedicada ó estudio científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats en Galicia
Noticiario Ornitolóxico
 FOTOS (Corvus albus)
Autor: Cosme Damián Romai Cousido.

Corvo da especie Corvus albus fotografado o 14/10/2006 na cabeceira da praia do Porto dos Padroneses, O Grove (PO). Presente aínda na zona con data 25/12/2006 (Cosme D. Romai).

Información sobre este exemplar

A ave foi inicialmente localizada por Emilio Martínez Sabarís o día 04/07/2006 na zona da praia de Con Roibo, O Grove, sendo identificada como un corvo pequeno (Corvus corone) cun albinismo extraño.

Simultaneamente, os primeiros días de xullo (data non precisa), José Luís Viñas Otero observa a mesma ave con Corvus corone na mesma área, comentándollo a Juan Carlos Cabrero Figueiro, quen logra ver ao presente corvo naquelas datas. A identificación como Corvus albus foi debida a César Vidal Rodríguez grazas ás fotos de Samuel Paz na web de Rare Birds in Spain (aquí).

Sobre a orixe, ningún dos observadores sabe nada da súa procedencia. Ben puidera ser un escape (existe un coleccionista de aves na zona e tamén unha empresa turística que ten aves cativas a non moita distancia de Con Roibo); a favor disto estaría o estado das primarias, algo danadas (sobre todo a P3 a P6, primarias centrais), se ben a ave non está anelada e o seu comportamento é desconfiado.

O que parece moi probábel é que non logrou vir por 'motu proprio' desde a África subsahariana até O Grove, pero a hipótese dunha ave asistida por barco (en inglés 'ship-assisted') parece razoábel. Así, Alfonso Rodrigo (via e-mail) aportou esta ligazón na que se ve un Corvus albus nun barco no golfo de México a 150 millas da costa da Luisiana (EE.UU.), que ben puido viaxar "de polisón" desde a África subsahariana.

Durante a súa estancia, foi vista por numerosos observadores (Emilio Martínez, Juan Carlos Cabrero, José Luis Viñas, Samuel Paz, César Vidal, Andreas Noeske, Jose Otero, Atocha Ramos, Francisco Fraga, etc.), obténdose numerosas fotos (ver algunhas aquí), e incluso os veciños da zona teñen reparado sobre a "raridade" desta ave. Tanto é así, que comezaron a dicir "es máis raro co corvo de Nocha", sendo Nocha a propietaria dun bar cercano á zona de alimentación do Corvus albus

É esta, en verdade, unha ave moi chamativa, sobre todo en voo, e o reclamo, frecuentemente emitido, resulta distinto que o de Corvus corone, máis atropelado e sonoro: 'aark', que fai relativamente doada a súa localización.

Adoita estar asociado ao grupo de corvos pequenos locais, movéndose estes en grupos de 3 a 7 aves. Moi poucas veces se separa moito deles, máis aínda, parece buscar a súa compañía: en máis de media ducia de ocasións se ten visto 'cortexar' activamente a corvos pequenos. Pola súa actitude, este exemplar semella un macho.

En definitiva, un exemplar interesante do que, dentro do posíbel, seguiremos as súas evolucións pola zona da Laxe de Rons, Con Roibo, Porto dos Padroneses e Boibas, na zona norte da península do Grove.