SGO

A Sociedade Galega de Ornitoloxía declarou como Ave do Ano 2017 ao Mazarico real, co obxectivo de chamar a atención sobre a delicada situación da única poboación reprodutora da especie na Península Ibérica, sita na Terra Chá lucense.

A principal ameaza sobre esta poboación probablemente se relacione coa destrución e alteración de hábitat de nidificación e procura de alimento. Nas últimas décadas produciuse na Terra Chá unha diminución das áreas de mato, en beneficio de repoboacións forestais feitas con piñeiro ou, mais recentemente, con eucalipto. Estas repoboacións supuxeron a perda de zonas tradicionais de cría desta limícola. Xunto a isto, a transformación de prados de sega en cultivos, fundamentalmente de millo, supón tamén unha ameaza para as posibilidades de desprazamento das familias con polos en fase de crecemento, xa que estas praderías son fundamentais como áreas de alimentación.

Estas ameazas son compartidas por outras especies propias de medios agrarios e con requirimentos similares que se atopan nunha delicada situación en Galicia pola perda da nosa paisaxe agraria tradicional.

Para chamar a atención sobre esta problemática e aproveitando o paraugas da declaración do Mazarico real como Ave do Ano, a SGO organiza unha xornada sobre o estado das aves agrarias que terá lugar o vindeiro sábado 17 de xuño na Casa das Insuas de Rábade. Aproveitando que nos atoparemos na Terra Chá, unha das principais comarcas para a conservación das aves agrarias de Galicia, despois das charlas e o xantar realizarase unha visita guiada para observar algunhas das especies mais emblemáticas da zona.

Podes consultar o programa aquí.