A SGO solicita que a montaña galaico-leonesa se declare zona de exclusión para parques eólicos e solares
|
ARRANCA UNHA CAMPAÑA DE CROWFUNDING PARA CREAR UNHA FRONTE XURÍDICA DE CONSERVACIÓN DA CORDILLEIRA CANTÁBRICA ANTE OS MACROPROXECTOS EÓLICOS
|
|
|||
A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) enviou as súas consideracións ao período de consultas previas de distintos macroproxectos eólicos tramitados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e a Xunta de Galicia: Barjas, Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo. Estes parques eólicos están proxectados na montaña galaico-leonesa, que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental. Na documentación enviada deixamos constancia da necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos, que supoñen no seu conxunto un gravísimo impacto ambiental con efectos acumulativos e sinérxicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico. Aquí atópanse presentes algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais transcenden aos espazos protexidos que se sitúan arredor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares. Destacamos a grave afección que suporía para especies como a aguia real (Aquila chrysaetos) incluida como “en perigro de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, así como para a charrela (Perdix perdix), gatafornela (Circus cyaneus), tartaraña cincenta (Circus pygargus) e voitre branco (Neophron pernocterus), incluidas con categoría de “vulnerables” en dito catálogo. Ler máis... |
No Día da Terra 2021, seis organizacións ecoloxistas con ampla implantación na cornixa cantábrica unen as súas forzas para emprender, co soporte dunha campaña de doazóns, un fondo xurídico co que impulsar acción legais para evitar a destrución das montañas cantábricas ante a enxurrada de proxectos eólicos a grande escala.
As entidades impulsoras do proxecto son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos, a Plataforma Bierzo Aire Limpio, e a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos. |
Últimas novas
09.03.2023. Crime perfecto fronte as costas galegas. A área mariña fronte ao noroeste da Península Ibérica é de extraordinaria importancia, a nivel europeo, atlántico e mesmo global, como corredor migratorio e zona de invernada para centos de milleiros de aves mariñas de ducias de especies. O recentemente aprobado Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), obviando de xeito inaceptable o principio de precaución, inclúe boa parte desas augas exteriores en 5 “Zonas de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña”.
Este erro gravísimo precisa ser revertido. En aplicación do principio de “primeiro, investigación, e despois ordenación”, o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas “zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña” en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supoñer. Consulta aquí o manifesto completo das entidades conservacionistas galegas.
23.040.2021. A Xunta persiste no biocidio da rula. A SGO e outras entidades ambientais están alarmadas pola actitude obstinada da Administración galega en contra do patrimonio natural. Xa anunciou no Comité Galego de Caza que manterá a media veda na Limia e non tomará medidas eficaces para evitar o declive da rula, unha especie ameazada. Malia o risco de sancións económicas, continúa desatendendo o ultimato da Comisión Europea por vulnerar repetidamente a Directiva Aves. Máis info aquí.
23.04.2021. A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) presenta alegacións ó proxecto da Delegación Provincial de Costas en Lugo para a praia do Altar, solicitando a súa desestimación polo alto impacto ambiental sobre a ría de Foz. Máis info aquí.
23.04.2021. Sete entidades de conservación da natureza galegas solicitan información á Consellería de Medio Ambiente sobre as propostas de aplicación dos fondos “Next Generation”. Máis info aquí.
20.01.2021. O Comité Avifaunístico da SGO publica o informe correspondente ás observacións de aves raras en Galicia no bienio 2018-2019. Podes descargalo aquí.
23.11.2020. A SGO apoia o manifesto "Aldeas con horizontes", por unha moratoria de novos parques eólicos e por un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galicia.
Uns 60 colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural, xunto con plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos en Galiza lanzan o manifesto "Aldeas con Horizonte" polo que demandan a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional. Os colectivos asinantes pretenden con este manifesto alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos e que segue un modelo depredador e abusivo coas comunidades locais, ademais de desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística. O manifesto que hoxe sal a luz indica un mínimo de 15 principios básicos que deberan guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza. Podes ler o manifesto aquí.
17.09.2020. O Comité Avifaunístico da SGO publica o informe correspondente ás observacións de aves raras en Galicia no bienio 2016-2017. Podes descargalo aquí.
23.07.2020. A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e SEO Pontevedra denuncian o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na conservación dos Guidoiros Areoso e Pedregoso. Ver Nota de Prensa.
16.06.2020. A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural opóñense ao novo proxecto de dragado do porto de Ribadeo. Consulta a nota de prensa.
16.06.2020. A Xunta non protexe ás ameazadas rulas. A SGO eleva unha queixa ante o Comisario Europeo de Medio Ambiente pola autorización da caza da rula durante a media veda na ZEPA da Limia. Consulta a nota de prensa.
16.04.2020. As asociacións ecoloxistas solicitan á Xunta paralizar a caza da rula. Podes consultar a nota de prensa asinada por ADEGA, Ecoloxistas en Acción, GN Hábitat, SEO/Birdlife, SGHN e SGO.