A Sociedade Galega de Ornitoloxía declarou como Ave do Ano 2017 ao Mazarico real, co obxectivo de chamar a atención sobre a delicada situación da única poboación reprodutora da especie na Península Ibérica, sita na Terra Chá lucense.
A principal ameaza sobre esta poboación probablemente se relacione coa destrución e alteración de hábitat de nidificación e procura de alimento. Nas últimas décadas produciuse na Terra Chá unha diminución das áreas de mato, en beneficio de repoboacións forestais feitas con piñeiro ou, mais recentemente, con eucalipto. Estas repoboacións supuxeron a perda de zonas tradicionais de cría desta limícola. Xunto a isto, a transformación de prados de sega en cultivos, fundamentalmente de millo, supón tamén unha ameaza para as posibilidades de desprazamento das familias con polos en fase de crecemento, xa que estas praderías son fundamentais como áreas de alimentación.
Estas ameazas son compartidas por outras especies propias de medios agrarios e con requirimentos similares que se atopan nunha delicada situación en Galicia pola perda da nosa paisaxe agraria tradicional.
Para chamar a atención sobre esta problemática e aproveitando o paraugas da declaración do Mazarico real como Ave do Ano, a SGO organiza unha xornada sobre o estado das aves agrarias que terá lugar o vindeiro sábado 17 de xuño na Casa das Insuas de Rábade. Aproveitando que nos atoparemos na Terra Chá, unha das principais comarcas para a conservación das aves agrarias de Galicia, despois das charlas e o xantar realizarase unha visita guiada para observar algunhas das especies mais emblemáticas da zona.
Podes consultar o programa aquí.
Podes descargar as conclusións da xornada aquí.
CONCLUSIÓNS DAS XORNADAS
O pasado 17 de xuño a SGO organizou unha xornada no C.E.N Casa das Insuas, Rábade (Lugo) para abordar os problemas de conservación do mazarico real, ave do ano en Galicia 2017, o sisón, a tartaraña cincenta e a gatafornela, especies ameazadas vinculadas ás zonas agrarias e abertas de Galicia e actualmente cunha distribución moi reducida. A continuación sintetizamos as principais conclusións da xornada.
- A poboación chairega de mazarico real (Numenius arquata)1 é a única presente actualmente a nivel ibérico. Consta de 3-4 parellas acantonadas no entorno do aeródromo de Rozas (Castro de Rei, Lugo). Faise preciso con urxencia aprobar o plan de recuperación da especie e desenvolver as medidas oportunas para asegurar o mantemento da actual zona de cría e os lugares de alimentación adxacentes. Así mesmo, sería necesario traballar na recuperación dalgunhas das recentes zonas de cría na comarca para tratar de incrementar a reducida poboación da especie. O traballo de recuperación destas zonas pasa por recuperar o mosaico de toxal-brezal (landa) e pradería necesarios para a reprodución e alimentación do mazarico. A custodia do territorio pode ser unha ferramenta a utilizar para este fin. Igualmente faise preciso incrementar o coñecemento sobre distintos aspectos da ecoloxía e patróns de movemento da exigua poboación ibérica.
- O sisón (Tetrax tetrax) é unha especie cunha tendencia poboacional moi negativa no conxunto da Península Ibérica, sufrindo unha severa redución dos seus principais núcleos na última década. A poboación galega é a única presente na rexión eurosiberiana a nivel estatal, presentando características bioecolóxicas e patróns de movemento singulares no conxunto da poboación española. Actualmente a poboación galega é moi pequena e está restrinxida á comarca de A Terra Chá, presentando graves problemas de conservación. De forma local, a perda de superficie adicada a praderías polifíticas e a súa masiva substitución por millo, ocasiona unha diminución do hábitat axeitado para a especie. Isto está relacionado directamente coa intensificación produtiva no sector leiteiro, unido a unha perda xeralizada de zonas agrarias debido ao seu abandono e/ou a reforestación con eucaliptos e piñeiros. Faise urxente a aprobación do plan de recuperación da especie e a implementación de medidas de conservación axeitadas nos sectores onde sobreviven os últimos exemplares da especie en Galicia.
- A tartaraña cincenta (Circus pygargus)2 en Galicia está a sufrir un rápido proceso de rarefacción, estimándose que o seu declive pode ser dun 50% dende principios do século XXI. Igual que nos casos anteriores sería necesaria a urxente aprobación do plan de conservación da especie, debéndose tomar medidas decididas cara a protección do seu hábitat e requiríndose dunha actualización dos seus datos poboacionais. Todas as medidas levadas a cabo de política forestal e agrogandeira parecen estar destinadas á eliminación da especie en Galicia, tanto pola substitución dos seus hábitats de nidificación por cultivos intensivos de especies forestais exóticas -piñeiros e eucaliptos- como pola transformación dos seus hábitats de caza en cultivos de millo, incompatibles coa flora e fauna salvaxe. Isto é extrapolable ao caso da gatafornela (Circus cyaneus)3 cuxa poboación parte dunha situación de distribución actual máis reducida en Galicia.
- Os cambios paisaxísticos que está a sufrir Galicia nas últimas décadas teñen un impacto moi negativo nas poboacións de aves do medio agrario. Pérdese superficie agraria e a que queda é de peor calidade para estas especies, debido aos procesos de intensificación produtiva. A nivel global a intensificación identificase como a principal causa de diminución da biodiversidade agraria. Neste sentido é preciso alertar sobre o papel de bioindicadores que teñen as aves, sendo os expoñentes do colapso que se está a vivir nos campos agrarios europeos coa redución das poboacións globais de flora, insectos e outros elementos claves para a funcionalidade ecolóxica dos nosos agroecosistemas. Isto pon de sobre a mesa a necesidade de reflexionar sobre o noso sistema de produción de alimentos e a nosa calidade de vida no contexto dunha UE onde a política agraria supón case que a metade do gasto total do presuposto comunitario.
- No contexto galego faise necesaria a protección dos pequenos enclaves que serven de último refuxio para este conxunto de especies de carácter máis estepario ou ligadas aos medios abertos, tan escasos en Galicia, ámbito onde destacan as comarcas de A Limia (Ourense) e A Terra Chá (Lugo). Actualmente unicamente ten sido declarada a ZEPA4 de A Limia, cuxa designación non serviu para frear o declive das especies polas que foi declarada, particularmente tartaraña cincenta, sisón común, alcaraván común e avefría . Pola súa banda, A Terra Cha non conta con ningunha figura de protección especial para a súas poboacións de aves. É alarmante que a administración galega non sexa capaz de poñer os mecanismos necesarios para a efectiva protección e xestión destes dous enclaves que albergan unha avifauna peculiar no conxunto de Galicia.
- A inacción da administración galega (ningunha das especies abordadas nesta xornada ten o seu obrigatorio plan de conservación aprobado) e a escaseza de recursos adicados ás liñas de conservación da natureza, unido á mala implementación das medidas de desenvolvemento rural e a unha política agroforestal allea a calquera criterio de sustentabilidade e/ou de compatibilización coa conservación da biodiversidade non fai albergar esperanzas sobre a conservación a longo prazo das nosas especies ameazadas e outras que ata agora son comúns na nosa terra.