SGO

Ante a alarmante mortalidade de aves mariñas que está a ter lugar estes días nas costas galegas a Sociedade Galega de Ornitoloxía manifesta a súa estupefación ao silencio por parte dos responsables da  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Semella como se a Xunta de Galicia decidise deixar esta tarefa informativa en mans da cidadanía e ONGs, exhibindo unha clara actitude de desleixo por este problema.

A SGO quere destacar que, en base á experiencia adquirida tras outros fenómenos de contaminación mariña, as aves que estes días están a chegar mortas ou moribundas á costa galega, impregnadas nunha sustancia claramente oleosa, son só a punta do iceberg do que realmente debe estar a suceder mar adentro. Neste sentido, é esperable que esta situación de contaminación estea a afectar a moitos centos ou incluso miles de aves mariñas, así como a outros grupos de fauna mariña, nos que poderían estar afectadas especies de interese pesqueiro.

Polo que se leva visto até o de agora a contaminación afecta fundamentalmente a especies como o arao papagaio, o arao común, o carolo e o mascato (frailecillo, arao, alca e alcatraz en castelán, respectivamente), todas elas invernantes no territorio galego; con todo, de prolongarse esta situación no tempo, e se as manchas oleosas se achegan máis á costa costa, poderían verse afectadas as especies reprodutoras en Galicia, entre elas a importante e ameazada poboación de corvo mariño cristado. 

Este evento de mortandade non é máis que unha mostra da situación de risco latente na que se atopan a costa galega e a súa rica biodiversidade ante o tránsito de máis de 10.000 embarcacións con mercancías perigosas ao ano polo Corredor Marítimo de Fisterra. Máis aló do coñecido historial de mareas negras que todos coñecemos, derívase unha contaminación difusa e permanente provocada por sentinazos para os que, probablemente, non existe o nivel de control e seguimento axeitados por parte das administracións galega e estatal.

Por todos estes motivos a SGO reclama da Administración:

  • Que se publique a información que poida obrar en mans da Consellería sobre a localización e a extensión da mancha ou manchas desta sustancia contaminante. En caso de non existir información, esiximos da Consellería que emprenda as accións oportunas para conquerila.
  • Que se expoña publicamente a información que poda ter a citada Consellería sobre a chegada de aves afectadas: número de aves, especies e localidades de recollida.
  • En caso de habelos, que se informe dos medios dispostos en para atender convenientemente a chegada de aves afectadas.
  • Que se informe sobre o número de aves que están a ser atendidas nos Centros de Recuperación dependentes de dita Consellería.
  • Que se informe de qué accións, se as houber, se están a levar a cabo para avaliar o alcance do impacto sobre as aves e o medio mariño e para determinar a orixe da contaminación e, en consecuencia, sancionar aos responsables.
     

Descargar nota de prensa.