SGO

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) enviou as súas consideracións ao período de consultas previas de distintos macroproxectos eólicos tramitados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e a Xunta de Galicia: Barjas, Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo. 

Estes parques eólicos están proxectados na montaña galaico-leonesa, que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental.

Na documentación enviada deixamos constancia da necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos, que supoñen no seu conxunto un  gravísimo impacto ambiental con efectos  acumulativos e  sinérxicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico. Aquí atópanse presentes algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais  transcenden aos espazos protexidos que se sitúan arredor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares. Destacamos a grave afección que suporía para especies como a aguia real (Aquila chrysaetos)  incluida como “en perigro de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, así como para a charrela (Perdix perdix), gatafornela (Circus cyaneus), tartaraña cincenta (Circus pygargus) e voitre branco (Neophron pernocterus), incluidas con categoría de “vulnerables” en dito catálogo.

A afección de cada parque e as súas infraestruturas asociadas non debe de contemplarse independente do conxunto e por tanto, debería de valorarse a opción de declarar á montaña Galaico-leonesa como área de exclusión de parques eólicos ou na súa falta establecer unha avaliación ambiental conxunta antes de aprobar calquera proxecto de ámbito estatal ou autonómico. 

Galicia está moi por riba da media española en xeración de enerxías alternativas, e realmente xa tería alcanzado en termos relativos os obxectivos de sustentabilidade expostos para 2030, superando por moito o cumprimento dos obxectivos climáticos e de enerxía para este territorio. Para mostra, inserimos un mapa cos parques eólicos en funcionamento, en construción, en tramitación e de nova solicitude tramitados polo goberno autonómico en Galicia, máis algúns do macroparques tramitados directamente polo Ministerio na montaña Galaico-Leonesa (fonte: visor eólico de Galicia e MITECO).

Cremos que a imaxe anterior é o suficientemente ilustrativa do exceso de parques eólicos en Galicia, con graves impactos ambientais e paisaxísticos debido aos efectos aditivos, que case nunca foron valorados. Se sobre este mapa superpuxéramos as infraestruturas asociadas a estes parques (liñas de evacuación eléctrica, subestacións e pistas de acceso) atopariámonos cunha paisaxe meramente industrial, que perdeu as súas características de naturalidade e cun deterioro moi apreciable da súa biodiversidade.

Non podemos obviar a relación intrínseca entre a perda de biodiversidade e o cambio climático, polo que nun contexto como o relatado para Galicia, os efectos beneficiosos da implantación de enerxías renovables para a loita contra o cambio climático poden verse  atenuados polos danos á biodiversidade. Queda por iso patente, a necesidade de delimitar zonas de exclusión de parques eólicos neste territorio, máis aló da actual prohibición de novas implantacións en Rede Natura 2000. Cabe resaltar que Galicia conta con escasamente o 12% do seu territorio incluído na Rede Natura 2000 (aproximadamente a metade da media estatal) e que unha parte importante destes espazos xa contan con parques eólicos na súa superficie. Ademáis, un bo número dos parques proxectados situaríanse sobre terreos incluídos na proposta de ampliación da rede Natura 2000 elaborada pola Xunta de Galicia e paralizada inexplicablemente hai máis dunha década, o que supón ao mesmo tempo un recoñecemento ao seu valor ambiental e un atentado contra a futura integradade desta rede.